A concellería de Servizos Sociais organiza este curso no que ata finais de xullo unha trintena de mulleres se familiarizarán coa informática
Melide, 26 de marzo de 2008.- Esta mañá deu comezo na aula de informática do Concello de Melide o curso de iniciación á informática destinado a mulleres do rural, que se prolongará ata finais do mes de xullo, e a cuxa inauguración asistiu a alcaldesa de Melide, Socorro Cea. A concellería de Servizos Sociais que dirixe a nacionalista Casé Rodríguez encárgase da organización destes cursos cos que, en palabras da concelleira, “se quere achegar as novas tecnoloxías aos sectores historicamente máis esquecidos, o rural e as mulleres”.
Debido á gran resposta que atopou a oferta deste curso, foi preciso establecer dúas quendas. Así, un grupo dunhas quince mulleres asiste a clase polas mañás, e outro en horario de tarde, sempre con sesións de hora e media, dous días á semana.
Esta iniciativa supón a continuidade a un amplo programa de actividades formativas vencelladas á informática e ás novas tecnoloxías, organizadas polos distintos departamentos do Concello de Melide. Neste caso, o curso que hoxe deu comezo está subvencionado pola área de Servizos Sociais da Deputación da Coruña. Estes días estase pechando tamén o prazo de inscrición para a realización dun curso de informática aplicada ao sector da hostalería e o turismo, para o cal o Concello de Melide conta coa colaboración da Consellería de Innovación e Industria.
Neste momento, na aula de informática do Concello de Melide está tamén aberta a matrícula gratuíta para a inscrición en novos cursos de informática e mecanografía para adultos, que darán comezo no mes de abril. Outro dos sectores para os que xa se teñen deseñado dende o Concello cursos específicos de informática foi o da terceira idade.
Dende a concellería de Servizos Sociais, Casé Rodríguez valora moi positivamente a realización destes cursos, posto que “é necesario que iniciativas de formación organizadas polo Concello acheguen de forma continuada todos os servizos e melloras posibles á poboación, e dun xeito moi especial á xente do rural, para acadar un desenvolvemento harmónico no que non caiban as discriminacións”.
Gabinete de comunicación
© Concello de Melide 2008 - contactar