Inicio - novas marzo 2008

 


O CONCELLO DE MELIDE HOMENAXEA AOS SEIS DEPORTISTAS DE KICKBOXING MEDALLISTAS NO CAMPIONATO DE ESPAÑA

Esta tarde celebrouse unha recepción oficial no Concello na que participaron os deportistas das escolas melidenses que acadaron dúas medallas de ouro e catro de bronce coa Selección Galega.

Melide, 24 de marzo de 2008.- O goberno municipal de Melide rendeu unha homenaxe esta tarde aos seis deportistas de Melide que a comezos deste mes acadaron medalla no Campionato de España de Kickboxing, celebrado na localidade madrileña de Alcorcón, para as modalidades de semicontact e formas. Integrados na Selección Galega desta modalidade deportiva, competiron seis deportistas das escolas F.K. Melide e Escola Ayude, ámbalas dúas adestradas por José Manuel López Ayude, posto que o sétimo deportistas que viaxou coa escola non puido competir por un problema de peso. No Campionato de España, os melidenses acadaron dúas medallas de ouro, as dos irmáns Cora e Aron López Pallas, que competían nas categorías de entre 11 e 13 anos e de 8 e 10 anos respectivamente.

Amais destas medallas, o deporte de Melide acadou tamén catro medallas de bronce. Os deportistas que fixeron posible esta nova marca do kickboxing da zona foron Bruno Agra García (11 a 13 anos), Pedro López Costa (11 a 13 anos), Gonzalo Paredes Bruces (14 a 16 anos), e José Antonio Sánchez Conde, na categoría de máis de dezasete anos. Todos eles, xunto co árbitro e o seu adestrador e tamén seleccionador da Selección Galega, José Manuel López Ayude, asistiron esta tarde a unha recepción ofrecida polo Concello de Melide, na que participaron tamén o concelleiro de Deportes, Antonio Varela; o primeiro tenente de alcaldesa, Manuel Prado Puga; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Antonio Díaz Rodríguez, e o concelleiro Santos López en representación do Partido Popular.

Durante este acto, a alcaldesa de Melide, Socorro Cea, fíxolle entrega aos deportistas e tamén ao seu adestrador, duns detalles simbólicos por parte do Concello, con motivo das marcas acadadas, e “como agradecemento ao que supoñen estes éxitos para o deporte de Melide”. Socorro Cea ofreceu “o noso apoio aos deportes minoritarios, posto que é deber do Concello divulgar e pór en valor o esforzo destes deportistas para que todos os melidenses se poidan sentir orgullosos, pois detrás dun gran triunfo hai sempre moitas horas de esforzo e adestramento”. Por parte da Escola Ayude, o adestrador dos campións, José Manuel López, agradeceu os parabéns do goberno local e fixo un chamamento para que este recoñecemento se poida plasmar tamén en colaboracións futuras. O adestrador destacou a capacidade de esforzo dos deportistas de kickboxing, por tratarse dunha modalidade individual na que é preciso combinar esforzo físico e mental.

O kickboxing é unha modalidade deportiva encadrada dentro dos chamados deportes de contacto, que abrangue distintas especialidades, como formas, o semicontact ou o fullcontact. A escola Ayude de Melide participou neste Campionato de España con sete alumnos, aínda que finalmente só puideron competir seis; os seis que trouxeron para Melide dúas medallas de ouro e catro de bronce.



Gabinete de comunicación


© Concello de Melide 2008 - contactar