PROTECCIÓN CIVIL DE MELIDE ESTREA NOVO VEHÍCULO
Hoxe tivo lugar o acto de entrega do novo vehículo que custou 65.500 euros
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Melide recibiu este sábado un novo vehículo. Trátase dun todo terreo especialmente deseñado para a intervención en vías de poboación de difícil acceso e conta cun novo remolque para o traslado de todo o equipo de excarcelación necesario para atender accidentes de tráfico.
O prezo deste novo vehículo foi de 65.500 euros. O contrato foi asinado o pasado 20 de xuño pola alcaldesa de Melide, Socorro Cea e o representante da empresa Bull Fuego, SL que subministra dito vehículo.
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza achega 50.000 euros para este novo coche de Protección Civil e o concello paga o resto.
A Agrupación de voluntarios de Protección Civil conta dende hoxe cuns medios moito máis axeitados para o desenvolvemento das súas funcións o que repercutirá directamente no benestar e seguridade dos veciños/as de Melide.
No acto estivo presente a alcaldesa de Melide, o 1º tenente de alcaldesa, Manuel Prado, outros seis concelleiros/as da corporación local e o representante da empresa subministradora do vehículo.
Lembrar tamén que o pasado 29 de xuño concedeuse a Medalla de Ouro de Melide 2007 á Agrupación de voluntarios de Protección Civil polo seu traballo e entrega dende a sús creación.
Melide, 22 de setembro de 2007
Gabinete de Prensa
© Concello de Melide 2007 - contactar
|