Novas 2007


O NOVO GOBERNO DE MELIDE TEN QUE FACER FRONTE A 3 MILLÓNS DE EUROS DE DÉBEDA ECONÓMICA

As numerosas facturas pendentes de pagamento ascenden a 2 millóns de euros dos que 936.000 euros deben ser pagados xa co orzamento deste ano 2007

O novo  goberno municipal de Melide (BNG-PSOE) organizou o pasado venres, 31 de agosto, unha charla informativa para dar a coñecer a situación actual do Concello de Melide ao cumprirse dous meses á fronte do mesmo. O salón do Hotel Calos’96 de Melide quedou pequeno para acoller ás máis de 500 persoas que acudiron a informarse do estado real do seu concello.

No acto interviñeron o 1º tenente da alcaldesa, Manuel Prado, e a alcaldesa de Melide, Socorro Cea, e deron a coñecer os principais problemas cos que se atoparon ao tomar posesión dos seus cargos e explicaron o estado actual de importantes obras que quedaron sen rematar polo anterior goberno municipal (PP).

Os datos máis agardados polos asistentes eran os referidos á débeda económica do concello que foron explicados pola alcaldesa diferenciando claramente dous apartados:

-DÉBEDA BANCARIA: 1.008.215 euros (168 millóns de ptas)
Con respecto a este dato, a alcaldesa melidense dixo non preocuparlle en exceso, senón “que o realmente grave e preocupante era o número de facturas sen pagar que atopamos cando cheguei á Alcaldía deste concello”.

-FACTURAS:
Ano 2005: 44.271, 32 euros (7.400.000 ptas)
Ano 2006: 936.899,92 euros (156 millóns ptas)
Ano 2007: 941.687euros (157 millóns ptas)

TOTAL: 1.922.858 euros. (320 millóns de pts)

O 1º Tenente da alcaldesa, Manuel Prado, dixo que era moi chamativo que, entre as facturas atopadas, aparezan “as dunha empresa que o pasado 14 de xuño, dous días antes da toma de posesión do novo goberno, presentou 20 facturas no                    Concello que suman 220.500 euros de obras executadas nos anos 2001, 2002 e 2003”.

DÉBEDA ECONÓMICA ACTUAL:
 1.008.215 (préstamos bancarios)+1.922.858 (facturas sen pagar)=   3 millóns de euros (500 millóns de ptas)

 OBRAS SEN REMATAR.
A alcaldesa foi explicando aos/ás melidenses o estado actual de obras e problemas que urxen unha solución rápida. Entre elas figura:

1.- RESIDENCIA de maiores de Priorada que necesita uns 360.000 euros como      mínimo para poñela a andar, pois falta todo o mobiliario interior.

  1. POLIDEPORTIVO MUNICIPAL: Lembrou a rexedora que o anterior equipo de goberno estragou o polideportivo municipal ao instalar nel o pasado Nadal unha pista de xeo. Agora serán necesarios uns 60.000 euros para solucionar o problema.
  2. SANEAMENTO: Un Plan da Deputación da Coruña fixo posible que se investiran algo máis de 500.000 euros nun Proxecto de Saneamento no núcleo urbano nos últimos dous anos. Pero, tamén esta obra quedou sen rematar porque falta algo imprescindible: un transformador na zona de Santa María que custa 60.000 euros.
  3. DEPURADORA para o Parque Empresarial: 250.000 euros. O Concello ten a obriga de instalar unha depuradora na 2ª fase do  parque empresarial.
  4. CASA DO CONCELLO- Preocúpanos o estado no que se atopa. Está con graves problemas estruturais na parte traseira do inmoble e descoñécese o importe das obras que hai que facer con urxencia.
  5. URBANISMO - 47 proxectos de construción de vivendas ou edificios sen tocar e máis de 100 licenzas de negocios ou tendas sen tramitar. O novo goberno atopouse un concello sen arquitecto municipal, pois o anterior dimitiu voluntariamente pouco antes do cambio de goberno. O novo goberno xa conta cun arquitecto dende o pasado 1 de agosto para tentar desbloquear canto antes a parálise urbanística que había dentro da casa do Concello.
  6. MULTAS E SANCIÓNS VARIAS. Pero, ademais das obras sen rematar, o novo goberno atopouse con diferentes multas da Xunta de Galiza por actuacións irregulares ou non permitidas cometidas polo anterior goberno:

     -    6.000 euros de Patrimonio por obras no contorno da capela do Carme.

  1. 3.000 euros polo punto limpo.
  2. 3.000 euros por deficiencias na piscina o pasado verán.
  3. CASA DA CULTURA: Iniciada a súa reforma no ano 2002 e na que xa se levan gastados case un millóns de euros: 932.000 (155 millóns de ptas).

 A rexedora municipal lembrou que o anterior goberno municipal colocara un cartel que dicía REMATE DE OBRA pouco antes das municipais, pero a realidade que atoparon é unha casa de cultura baleira totalmente no seu interior na que se van investir 390.000 euros da Deputación que non chegan para nada pois fan falta 1,8 millóns de euros máis para poder rematala.

Así as cousas, o novo equipo de goberno cifra en case 6 millóns de euros (942 millóns de ptas) a herdanza do anterior goberno ao sumar DÉBEDA BANCARIA+ FACTURAS PENDENTES+ OBRAS URXENTES SEN REMATAR POLO ANTERIOR GOBERNO.

 Aínda así, as últimas palabras da rexedora municipal foron de ánimo e de optimismo para sacar adiante o Concello coa axuda e o ánimo e de todos os/as melidenses e dixo confiar plenamente no apoio que a Xunta e a Deputación van dar a Melide.

Dixo que “O equipo de goberno ten un obxectivo claro e unha única preocupación: Melide e os melidenses. Melide ten un gran futuro e ímolo conseguir e demostrar”.

SAÚDOS.
PRENSA DO CONCELLO DE MELIDE

Melide, 4 de setembro de 2007

Gabinete de Prensa
Concello de Melide