inicio
Historia


Falar de Melide é falar de  historia, de tradición, de cultura e, fundamentalmente, do Camiño de Santiago. Aquí cada época deixou algo do pasado.  Descoñécese  a data da fundación da vila, que aparece documentada por primeira vez no século X. A súa fundación está relacionado co Camiño de Santiago. A súa orixe toponímica suscitou diversas hipóteses, as cales podemos consultar en Toponimia do Concello de Melide, libro editado polo Concello de Melide. O nome de Melide, sen ningún tipo de dúbidas, procede do antropónimo latino Mellitus, ben documentado na idade media. Inicialmente sería unha villa(m)/terra(m)/fundu(m) Melliti ‘vila/terra de Mellitus’, co nome do terratenente ou posuídor en xenitivo. O paso fonético de Melliti a Melide  explícase pola simplificación da  xeminada -ll- e sonorización da dental xorda en posición intervocálica -t-.

As primeiras referencias históricas  refírense  a Abeancos, territorio que abranguía máis ou menos o que hoxe é Terra de Melide (agás o Concello de Sobrado). A primeira mención documental sobre Melide e a súa comarca aparece nun documento da igrexa lucense, no chamado testamento de Odoario, bispo de Lugo, do  ano 747, aínda que para algúns estudiosos esta data orixina numerosas dúbidas:  ... In Aviancos Villa Salamini ...O  segundo documento (probablemente o primero) que nos recorda o nome de Abeancos é un diploma de Afonso II o Casto, datado no ano  832, no  que se recolle a dotación que o rei fai á recén erixida catedral de Oviedo, a diócese da cal vai incorporar terras e comarcas de territorios que pertencían á de Lugo, entre os cales se encontra  Abeancos

O terceiro documento con referencia a Abeancos é o de Afonso III.  Co establecemento da sede dumiense en San Martiño de Mondoñedo -posto que a sede de Braga tamén fora arrasada- Afonso III concede a Mondoñedo, entre outras, a xurisdición de Abeancos e os seus termos.
O 9 de setembro de 1212  o rei Afonso IX concedeu o territorio de  Abeancos ou Terra de Melide ao arcebispo de Santiago Don  Pedro Muñiz. Gracias a este documento  pódese  reconstruír os antigos límites de Terra de Melide ou do territorio de Abeancos: ao norte, Cruces e confíns que a separan das terras de Sobrado y Dormeá; ao sur, o río Ulla, desde Portum Bobidus ata a desembocadura do río Iso; ao leste, as terras que o separan da de Narla, e ao oeste, el río Iso. En 1320 Melide obtivo do arcebispo de Santiago, don Berenguel de Landoira, o privilexio de levantar un castelo, de fortificar a vila con murallas e de cobrar o portádego. Tamén conseguirá por este tempo a concesión de foros. En 1467 os irmandiños  reuníronse en Melide e decidieron poñerse en contra do arcebispo Alonso de Fonseca e de Sancho Sánchez de Ulloa. Durante esta revolta, a finais do século XV, derrubaron as murallas da vila e destruíron parte do castelo, onde as  pedras, unha vez sufocada a revolta, se aproveitaron  para a construcción do Convento de Sancti Spiritus, pois os Reis Católicos prohibiron volver  levantar a fortaleza. Tamén se xuntaron en 1520 os máis importantes estamentos eclesiásticos e nobiliarios de Galicia para acordar unirse, se era preciso, a Carlos I para axudalo na súa loita contra os comuneros. Xa en épocas máis recentes, concretamente no século XIX, Melide cobra de novo protagonismo pola súa oposición aos franceses durante a Guerra da Independencia. Tamén nese século en Melide sucederon episodios bélicos relacionados coas  Guerras Carlistas.

Melide e a súa comarca tamén posúen unha gran riqueza arqueolóxica, que permite afirmar a existencia dunha poboación moi antiga nestas terras, nas que abondan castros e mámoas. Son abundantísimos os restos encontrados que datan dos primitivos tempos do Neolítico e da época castrexa: mámoas, castros, machados de bronce, xoias áureas, etc. Como di Florentino Cuevillas, poucas terras hai en Galicia que igualen en densidadade castrexa a Terra de Melide.  De gran interés é a visita ao Castro da  Graña, onde as escavacións realizadas demostraron que estivo habitado desde o século VII a. de C.,  ou ao dolmén denominado Forno dos Mouros, ambos os dous no  limítrofe Concello de Toques. No Museo Terra de Melide, de visita inexcusable,  podemos encontrar, entre outros obxectos de interese, pezas achadas nos castros da comarca, machados do Neolítico, cerámica castrexa, fíbulas da Graña (século II a. C.), tesouriño romano de moedas, unha punta de lanza (1000 a.C.), etc.


Por todo iso, pola importancia que estas terras tiveron ao longo da historia, Terra de Melide despertou  e desperta o interese de moitos historiadores. En 1933 o  Seminario de Estudos Galegos publicou un amplo estudio titulado Terra de Melide, no que participaron grandes figuras da cultura galega de entón:  Otero  Pedrayo, Vicente Risco, Florentino L. Cuevillas, Antón Fraguas, Lois Tobío, Xosé Ramón F. Oxea, etc. O  traballo de investigación do noso pasado continúa intensamente. Neste aspecto destacar o labor do Centro de Estudos Melidenses, que publica un boletín no que se recollen traballos sobre Terra de Melide. No ano 2000 saíron do prelo dous interesantes estudios monográficos sobre Melide: Toponimia do Concello de Melide, sobre a orixe e significado dos  topónimos melidaos, e El Arte Románico en Terra de Melide, de Mª del Pilar Carrillo Liste, editado pola Deputación da Coruña.