PROTECCIÓN CIVIL RECIBIRÁ A MEDALLA DE OURO DE MELIDE
Tralo Pleno celebrado ás 14:00h no día de hoxe, a corporación melidense decidiu por unanimidade conceder a Medalla de Melide á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Melide. A alcaldesa, Socorro Cea, realizará a imposición da medalla este venres con motivo do día do patrón da vila, San Pedro, nun acto que se celebrará ás 12:30 na Casa do Concello e no que se anima a participar a todos/as os melidenses como un xesto de recoñecemento ao importante labor de Protección Civil e como sinal de eloxio e gratitude.
Ao remate do acto de entrega da Medalla celebrarase na igrexa parroquial a tradicional misa na honra a San Pedro para deseguido saÍr en procesión e rematar cun concerto de música a cargo da Banda Municipal de Melide. Con este xesto simbólico, dende a Alcaldía preténdese rendir unha homenaxe aos membros de Protección Civil e agradecer o seu encomiable traballo ao longo dos 15 anos de existencia da Agrupación.
Melide, 27 de xuño de 2007
Gabinete de Prensa
Concello de Melide