Inicio - novas marzo 2008

 


SOCORRO CEA AFIRMA QUE OS PROCESOS DE SELECCIÓN DE PERSOAL DO CONCELLO DE MELIDE TEÑEN POR MÁIS TRANSPARENCIA E PUBLICIDADE CA NUNCA

A alcaldesa de Melide, Socorro Cea, saíu ao paso das acusacións feitas polo Partido Popular, e lémbralles que “a xestión do Concello nesta materia nunca foi tan transparente”.

Melide, 25 de marzo de 2008.- O equipo de goberno de Melide vén de manifestar a súa “incredulidade” polas críticas á xestión do persoal do Concello vertidas nestes días polo Partido Popular nalgún medio de comunicación. Neste comunicado, o grupo Popular fai referencia a alegacións e denuncias por “despidos improcedentes” contra o equipo de goberno, encargado da xestión do persoal. A este respecto, dende o equipo de goberno de Melide quérese deixar ben claro que en ningún momento, nestes dez meses de goberno, se realizou ningún tipo de despido de persoal asignado ao Concello. De feito, os dous despidos improcedentes que cita o Partido Popular refírense a contratos que finalizaron legalmente e que posteriormente se volveron sacar a concurso.

A alcaldesa de Melide, Socorro Cea, quere lembrarlle ao PP que “eles son perfectamente coñecedores das diferenzas entre as políticas de publicidade de postos públicos que se facían en tempos do PP e as que se fan na actualidade”. Neste sentido, Cea insiste en que “estando o PP no goberno, os propios concelleiros da oposición dificilemente tiñamos coñecemento da convocatoria de probas de selección de persoal, e ese é un exemplo da escasa transparencia e publicidade coa que se xestionaba o noso Concello”. Neste senso, Socorro Cea deixou claro que “co novo goberno, todas as prazas públicas que se ofertaron para o Concello de Melide publicáronse, por vez primeira, na páxina web do Concello, anunciáronse na radio municipal e no xornal de maior tirada do País en fin de semana, algo que xamais se fixo nos gobernos do Partido Popular”.

Despidos improcedentes

Na nota feita pública polo Grupo Popular faise referencia á situación da radio municipal. Logo das eleccións municipais, o novo goberno local atopouse cunha radio con tres traballadoras asignadas, unha das cales cunha baixa continuada de máis de un ano. A outra traballadora, a cuxo “despido improcedente” se refire o PP, rematou o seu contrato a finais de febreiro, aínda que unha semana antes de telo rematado solicitou tamén unha baixa laboral. O novo equipo de goberno sacou a concurso a praza para a contratación dun novo locutor ou locutora, seguindo todos os procedementos de transparencia e publicidade que se veñen cumprindo nesta nova etapa do goberno de Melide. Non obstante, a traballadora que ata ese momento estivera contratada polo Concello non participou tan sequera no novo proceso de selección, polo que, en palabras de Socorro Cea, “non ten ningún sentido falar de despido improcedente”.

As outras críticas feitas polo Partido Popular á xestión do persoal do Concello refírense á praza de avogada asignada ao Centro de Información á Muller, un proceso selectivo que se retrasou debido a unha alegación feita a nivel particular por unha das candidatas ao posto. Dende o Concello emitiuse xa unha resposta na que se confirmaba a non pertinencia a queixa presentada, polo que o proceso selectivo segue adiante e este mesmo mércores, 26 de marzo, celebrarase o exame final.

Por outra banda, dende o equipo de goberno, quérese deixar claro que “é falso que non se estea ofrecendo o servizo de axuda a domicilio”, posto que mentres durou o proceso de selección das novas traballadoras, o Concello de Melide contratou un servizo específico que dá cobertura a esta demanda. Dende a alcaldía, Socorro Cea quere lembrarlle ao PP que “para que os procesos de selección de persoal sexan transparentes e teñan toda a publicidade que deben ter é preciso seguir uns pasos legais que o Partido Popular parece ter esquecido”.



Gabinete de comunicación


© Concello de Melide 2008 - contactar