- Socorro Cea solicitou esta mañá a colaboración da Consellería para a concesión de novos postos de traballo.
- A alcaldesa insistiu na importancia de que neste ano se conceda a Melide unha Escola Obradoiro de enerxías renovables.
Melide, 17 de xaneiro de 2008.- A alcaldesa de Melide, Socorro Cea, mantivo esta mañá unha xuntanza co Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, nas dependencias desta consellería. Neste primeiro encontro entre os dous mandatarios, a alcaldesa melidense interesouse pola liña de axudas a través da cal as entidades locais poden acollerse a contratación de persoal. Neste senso, Socorro Cea expúxolle ao conselleiro a necesidade dun reforzo de persoal na Escola Infantil de Melide, que logo da súa ampliación, con dúas aulas máis, precisaría de máis persoal para poder ofrecer un servizo máis completo e de calidade. Así mesmo, Cea repasou co conselleiro outras áreas municipais que é preciso dotar de maior recursos humanos, para os que a consellería de Traballo amosou a súa colaboración. Tal é o caso de postos como o de socorrista, auxiliar da Policía Local, técnico de turismo, persoal de obras, así como persoal de limpeza.
Nos vindeiros días, o Concello de Melide cursará a solicitude para a concesión dunha ducia de novos postos de traballo dirixido a persoas desempregadas, e para os que a Consellería aportará colaboración económica.
Escola-obradoiro
No ano 2007, o Concello de Melide solicitara ante a Consellería a implantación dunha escola-obradoiro, mais nesa ocasión sen resposta favorable por parte do ente autonómico. Na reunión desta mañá, a alcaldesa Socorro Cea lembroulle a Ricardo Varela a importancia deste proxecto para a zona de Melide, que estaría dirixido a maiores de vinte e cinco anos e estaría encamiñado á formación de técnicos especializados nas enerxías renovables, un eido cunha forte proxección tanto económica como laboral.
Grupo Municipal de Intervención Rápida
Outra das peticións expostas esta mañá por Socorro Cea ante o titular de Traballo foi a da posibilidade de que Melide conte cun GRUMIR, un Grupo Municipal de Intervención Rápida. A alcaldesa transmitiulle ao conselleiro a súa preocupación pola carencia deste servizo, que a rexedora considera “fundamental para un concello en constante crecemento e cunha demanda de servizos cada vez maior, no que tamén é preciso garantir unha infraestrutura estable para as situacións de emerxencia”. Neste momento, Melide conta unicamente cunha agrupación de voluntarios, polo que a concesión dun GRUMIR suporía un paso adiante na cobertura das necesidades relativas á seguridade nos casos nos que é preciso garantir unha actuación profesional.