O CONCELLO DE MELIDE APROBA O ORZAMENTO 2007 QUE INCLÚE 740.000 EUROS DE FACTURAS PENDENTES DE PAGAR POLO ANTERIOR GOBERNO
O Concello destinará o 33,74 % do orzamento a investimentos o que supón un incremento do 180 % respecto ao exercicio anterior
O Orzamento municipal para o 2007 aprobado inicialmente o pasado luns supera os 7 millóns de euros dos que 2.390.000 van destinados a investimentos en obras. Cómpre lembrar que o exercicio de 2006 destinou tan so o 15,7% do orzamento a investimentos que chega agora co aprobado para o 2007 ata o 33,74% do mesmo.
O encargado de explicar o contido do orzamento foi o concelleiro de facenda e portavoz do goberno (BNG), Antonio Díaz, quen falou de situación económica preocupante e dixo “estar aprobando un orzamento con case un ano de atraso no que se recoñecían todas as facturas que o anterior goberno do PP deixou sen pagar dos anos 2005, 2006 e 2007 e que sumaban 739.745 euros”.
Pola súa parte, o 1º Tenente de alcaldesa (PSOE), Manuel Prado Puga, fixo unha valoración global dos orzamentos destacando importantes obras que se van a levar a cabo nos próximos meses como o programa de aforro enerxético, actuacións de saneamento, a instalación dun punto limpo en Melide ou importantes melloras na seguridade de edificios públicos. Manuel Prado tamén lembrou que en so tres meses de goberno xa se asinaran seis convenios coa Xunta de Galiza.
A encargada de pechar o pleno foi a alcaldesa de Melide, Socorro Cea, quen insistiu na importancia de aprobar o orzamento para poder desenvolver dun xeito axeitado a xestión municipal e dixo que un dos principais obxectivos do novo goberno municipal era o saneamento das contas municipais.
A rexedora municipal lembrou o elevado número de facturas sen pagar que atoparon cando chegaron ao goberno e que superan as 500, o cal obriga ao novo equipo de goberno a pedir un préstamo de 838.171,85 € a un prazo de 15 anos e engadiu que “co obxectivo de mellorar a situación económico-financeira e patrimonial do Concello, este goberno comprométese á elaboración, no máis breve prazo posible, dun plan de saneamento financeiro no Concello, que será sometido á consideración do Pleno da Corporación”.
A voceira do PP, Ánxeles Vázquez, criticou o novo préstamo municipal afirmando que “Non entendo a débeda do concello a longo prazo”. A alcaldesa contestou ao respecto que “o novo goberno de Melide non entende nin quere débedas a longo prazo coa empresas, negocios e tendas de Melide”,tal e como viña facendo o PP e que tan mala imaxe deu dentro e fóra de Melide. Lembrou, ademais, que había varias empresas que tiñan procesos xudiciais abertos contra o Concello de Melide por impago de facturas.
Socorro Cea afirmou, case ao remate da sesión plenaria, que “hoxe é un día importante para Melide porque aprobar este orzamento supón que moitas empresas, negocios e comercios de Melide van poder cobrar as facturas presentadas neste concello”.
Melide, 11 de outubro de 2007
Gabinete de Prensa
© Concello de Melide 2007 - contactar
|