Inicio - novas decembro 2007

 


O DIRECTOR XERAL DE TURISMO VISITOU MELIDE PARA APOIAR DIFERENTES PROXECTOS DO CONCELLO

O Director Xeral comprometeu o apoio do seu Departamento para a adquisición dunha casa,  un forno dos telleiros e melloras no río Furelos

A alcaldesa de Melide, Socorro Cea, convidou ao Director Xeral de Turismo da Xunta de Galiza, Rubén Lois, a visitar o seu concello para darlle a coñecer proxectos que pretenden levar a cabo  nas parroquias de Leboreiro e Furelos en pleno Camiño de Santiago.

Trátase, en primeiro lugar, de mercar unha antiga casa de pedra na parroquia de Furelos para acondicionala como punto de información turística do concello. A situación da casa é privilexiada pois está xunto á ponte medieval de Furelos, paso obrigado dos peregrinos. No inmoble atoparían os visitantes todo tipo de información relativa ao Concello Melide e ao Camiño de Santiago xusto cando se atopan a pouco máis de un Km do centro da vila.

O Director Xeral de Turismo desprazouse ata a aldea de Furelos acompañado pola Alcaldesa de Melide; o concelleiro de Turismo, Antonio Díaz, e o Director do Museo da Terra de Melide, Xosé Manuel Broz, que colabora co Concello de Melide neste proxecto.

Pero outros dos proxectos nos que está traballando o Concello de Melide é a recuperación e posta en valor dos últimos fornos de tellas que quedan en toda a comarca e que se atopan nas parroquias de O Leboreiro e Furelos.

O oficio das telleiras tivo moita sona e tradición nestas parroquias e pretenden dende o Concello crear unha ruta turística aproveitando este potencial. Para o concelleiro nacionalista de Turismo, Antonio Díaz, “o Concello de Melide está prestando atención, por primeira vez, ao enorme potencial etnográfico, cultural e artístico que hai nas nosas parroquias e que se está perdendo. Ata agora era o Museo de Melide en solitario o encargado de traballar e preocuparse deste tema, pero agora terá a estreita colaboración do Concello de Melide para todos estes proxectos”.

Rubén Lois amosouse moi interesado no proxecto e comprometeu  o seu apoio económico para a compra de un dos fornos para restauralo e musealizar o seu entorno.

A partida  económica comprometida polo Director Xeral de Turismo pasa algo dos 36.000 euros, cantidade que chega para mercar a casa, un forno de tellas e dotar de mobiliario urbano novo á área recreativa do río Furelos, importante punto turístico do Concello de Melide.

A alcaldesa de Melide manifestou ao Director Xeral o seu agradecemento pola axuda e o convencemento de que proxectos deste tipo servirán para que Melide sexa un referente no Camiño de Santiago e no turismo do interior do País.



Melide, 29 de decembro de 2007


Gabinete de Prensa


© Concello de Melide 2007 - contactar

 



Na fotografía apréciase o forno das tellas que se vai mercar co apoio da Dirección Xeral