Parque empresarial da Madalena.Dentro da área comarcal Terra de Melide, eminentemente rural, Melide posúe, pola súa situación e as súas características económicas, a categoría de capital comarcal, na que as actividades do sector primario ocupan unha elevada porcentaxe de poboación activa, o que evidencia unha economía diversificada, onde o sector primario representa o 31%, mentres que nos restantes concellos esta porcentaxe ascende ao 52% en Toques e ao 78% en Sobrado e Santiso, contando con servicios administrativos, comerciais, sanitarios, educativos e de ocio para todo o territorio comarcal. Analizando a situación socioeconómica dos acupados, unha ampla proporción deles, o 50,2%, son asalariados, o que explica a importancia do sector industrial, construcción e servicios dentro da economía local. De igual modo é importante o peso dos autónomos, que representan o 43,6% dos ocupados. Este último dato entróncase coa crecente importancia do sector servicios e máis concretamente coas actividades realizadas sen a axuda de empregados como pode ser o pequeno comercio retallista e tamén coa importancia, cada vez menor, do sector agrario.

Explotacion autóctona galega.Segundo o anuario comercial de 1998 no Concello de Melide aparece un bo tecido económico, cunha distribución de actividades ben diversificada. Nel asentan un total de 9 entidades bancarias, 189 actividades industriais, 34 actividades comerciais por xunto, 257 actividades comerciais polo miúdo e 105 actividades de restauración, hostelería e bares. No ámbito das actividades terciarias hai que resaltar a importancia do subsector turístico que ten como base o paso do Camiño de Santiago, arredor do cal foi abrollando unha importante infraestructura hoteleira, destacando as casas de turismo rural, así como varios establecementos de restauración na vila de Melide. Dentro do sector industrial, os subsectores máis representativos relaciónanse coas carpinterías e serradoiros, as queixerías artesanais, o aproveitamento hidroeléctrico, ao que hai que engadir varios talleres de industria téxtil que traballan para importantes firmas de confección. O subsector da construcción tivo un desenvolvemento espectacular nos últimos anos. As causas deste auxe hai que buscalas na renovación e mellora do parque de vivendas e coa construcción doutras novas facilitado sen dúbida polo incremento do nivel de rendas do subsector agropecuario e polo investimento de emigrantes retornados en propiedades inmobiliarias. Polo que respecta ao sector primario, este centra a súa actividade nas explotacións de gando bovino, cun elevado grao de especialización na producción láctea, cun notable aumento nos últimos anos da cabana gandeira, que vai modernizar as súas instalacións con salas para muxir, tanques de frío, etc. Para unha información socioeconómica de Melide e a súa comarca máis polo miúdo, podemos ver o estudio realizado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal .